Thursday 16 de May de 2024

Amplíase o prazo de participación no concurso que busca o cartel das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán


A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), informa de que se amplía o prazo de participación na primeira edición do concurso que busca o cartel para a promoción das XXIV Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.

Deste xeito, o prazo de recepción de orixinais prosegue aberto ata 31 de agosto. O premio consistirá na publicación da lámina e unha dotación económica de 700 euros.

A técnica e o deseño son libres, inspirándose no escritor Ramón del Valle-Inclán, coa obriga de incluí-lo slogan “XXIV XORNADAS DE HOMENAXE A VALLE-INCLÁN. Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal – outubro de 2022.” Empregarase como material cartolina ou papel semellante, do tamaño A3, cun pseudónimo pola parte traseira. Ó certame poderán concorrer cantas persoas artistas e deseñadoras estean interesadas, maiores de idade. Entregarase un máximo de dúas obras por autor/a e proporcionaranse tamén en formato dixitalizado no Museo Valle-Inclán, no rexistro do Concello ou por correo certificado. O xurado estará composto por persoal relacionado co mundo da cultura e deseño.

As bases completas están ó dispor na páxina web www.apobra.gal.